[Alóngase a masa pardenta]
Alóngase a masa pardenta
o xofre en goma inza rúas
sumidoiros da cidade
e é ela quen
non lamenta aquí a perda de
xuventude presente ou futura
nin tristeza fronte ao océano
non hai, nunca houbo pasado
confusión ou xuventude
para esta cidade continuadamente
o latrocinio, si
caterva humana que é
expropiada de si mesma
e resolve
os sinais o fume a república
cómo escalda a pantasma sobre as chairas
fermentando os lagos ou
as coseduras do baluarte que se disolven
ira contra ira para que
resgue
o seu ollo en améndoa
a máquina xacobina
así se eleva unha cidade en cúspide
en ósos, pero reconta os seus
entullos, indica supervivencias, observa
unha autoestrada contra o espanto
a percusión teimosa do océano
como nenos que se dislocan
entre as silveiras de marzo
tamén o poema presencia
o rebento das unllas
a linguaxe encerrada
porque hai un internamento de vida
sobre a humidade que se produce
nos buracos, a mesma que contén
violencia capaz de sustentar
o río máis ala da xeografía
e os corazóns maioritarios
e o rebento que convoca
unha praza para un mecanismo
azul, de ollo
de boi desvélase a navalla e pronuncian
a coroa perdeu
o equilibrio
descárnase
arrolla sobre a calor na marxe
vívese a exhalación que prende
por riba de todas as cousas
por riba